martes 22 de diciembre de 2009

Aquela finde na montaña...

... hai xa case un mes, cando nos nevou,... queríavos falar algo sobre aquelo porque para min é unha máis das miñas loitas que case sempre son a mesma: voltar ó natural.

Non vos cheguei a contar onde estivemos e que fomos facer, pois estivemos nas Corcerizas, unha aula de educación ambiental e un exemplo de que é posible facer as cousas doutra maneira. Sinto moitas veces as voces de: "pero non imos voltar á idade de pedra!" "Xa, natural si, pero ben que poñemos a calefacción." Exacto, é que non se trata de morrer de frío senón de utilizar os recursos de maneira máis razoable.

Eu sempre digo que a televisión é a que o pode todo, pode por exemplo facer que a xente vexa normal baixar a calefacción a "só" 21º porque o din nun anuncio, ou que deixen de mirarte raro no super por non usar bolsas de plástico porque dous grandes supermercados deciden facer campaña e non repartilas máis.

Hoxe as nenas durmíronse cedo e vin eu un chisco a televisión, e estaban botando o documentos tv sobre a corrente do Golfo e a vindeira glaciación, e pareceume o momento idóneo para retomar este tema que tiña pendente.

Hai tantas cousas que podemos facer no noso día a día e que poden axudar sen que nos supoñan grandes esforzos: comezando pola temperatura da calefacción, por apagar as luces onde non son necesarias, cambiar as bombillas incandescentes por outras de baixo consumo, instalar nas cisternas mecanismos de doble descarga, recoller a auga fría da ducha para regar ata que sae a quente, escoller cenorias cultivadas aquí ó carón en troques dunhas de Almería (cando non doutro continente) que ademáis veñen plastificadas, consumir produtos de tempada,...

E que é incrible que do lema tan coñecido dos tres erres: reducir-reutilizar-reciclar o único no que se fai fincapé dende as autoridades e o que máis cala entón na poboación é no de reciclar, que debería ser o último. Co doado que pode ser reducir (e ademáis económico): rexeitar as bolsas innecesarias, non usar produtos de usar e tirar, escoller cousas con pouco empaquetado, mercar envases familiares, evitar os bricks no que se poida (a reciclaxe é tan custosa que en Galicia por exemplo non se leva a cabo, preferimos queimar o lixo producindo tóxicos e enterrar os restos baixo os nosos pes... non sei ata cando), mercar pastillas de xabrón en troques dos líquidos, xa que non levan envases plásticos, cueiros de tea, copas menstruais, rexeitar publicidade na caixa de correo ou na rúa, non coller o coche para desprazamentos curtos e na cidade, ...

Falamos de tantas cousas nos dous días que durou o seminario de cambio climático , tantas cousas que podemos facer ademáis das que xa facemos, que non sei nin por onde comezar, o que si sei é que para cada un de nós son xestos sinxelos que se levaramos todos a cabo en maior ou menos medida marcarían un cambio importante. Porque sempre escoitamos falar das reunións dos dilixentes mundiais contra o cambio climático, escoitamos que toman medidas que se quedan curtas e pensamos que non temos nada que ver niso, e despois resulta que o 15% das emisións de efecto invernadoiro son debidas á industria pero a gran maioría do resto as producimos nós: co que consumimos cada día, cos desprazamentos que facemos cada día, co gasto enerxético dos nosos fogares...

Un dos rapaces que participaban comentou que o problema é que hoxe en día non necesitamos da natureza no noso día a día, estamos totalmente desvinculados dela, necesitamos supermercados, transporte e traballo (na oficina, non no campo), pero non necesitamos á natureza no noso día a día

Xa sei, enróllome moito, o caso é que o pasamos moi ben aprendendo moitas cousas novas e outras non tanto, aprendemos uns dos outros e sentímonos cómodos e non bichos raros. Somos conscientes de que nos queda moito por facer e queremos seguir aprendendo, e por se vós tamén queredes, déixovos os enlaces coa información do curso, non tan amena, pero igual de boa :)

A información referida no seminari podedes consultala e descargala nos seguintes apartado da web de Amigos da Terra:

Sección documentación As Corcerizas. Seminario cambio climático - accións prácticas

  • manual para rodar con aceite vexetal
  • usos del compost
  • presentación agrocombustibles
  • forno solar
  • fotografias (en breve)
estamos pendentes de recibir as presentación "adaptadas" de Xesús Taboada sobre Electricidade renovable en Galicia e Bernardo Parajó Mobilidade e conducción eficiente

Sección documentación As Corcerizas. Bioconstrución
  • pintura de cal, de pataca e outros documentos que poden do voso interese
Sección documentación área residuos
  • manual básico de compostaxe
  • fabrica o teu propio composteiro

Ligazons na sección consumo responsable
  • grupos de consumo responsable en Galicia
  • video Rodar con aceite vexetal en vehículos con combustible diesel

Nós construímos fornos solares e 3 tipos diferentes de composteiros, pintura de pataca e ladrillos con lama e palla, e vós só tendes a teoría, pero igual vos animades a ir a vindeira ocasión.



E como xa sei que a entrada é de pesadelo e que o que nos apetece é meternos de cheo a celebrar o Nadal... qué vos parece esta proposta que fan na web? Usade o voso certificado de exención de agasallo e para os pequenos, eu levo case 4 anos intentando atopar unha fórmula para evitar que Papá Noel e os Reis traian tantos agasallos que a Z. se negue a abrilos sequera e aínda non o conseguín, pero se tendes algunha idea estarei encantada de escoitala.

Festexos

Por fin houbo grandes festexos na casa dos Tartarouchos, malia que a febre atacou desta vez á mamá Tartaruga non puidemos deixar de celebrar os aniversarios como se merecen.

É o primeiro ano que facemos festa, a Z. cumpre anos o 30 de decembro e cadra mal para todo o mundo, pero este ano tiña tantas ganas de convidar ós seus amiguiños e amiguiñas despois de asistir ás súas festas de aniversario que decidimos que as dúas Tartarouchas o celebren xuntas de aquí en diante e mentres sexa posible e na metade do mes.

Tiña moitas ganas, pero quixo a mala fortuna que quedase durmida a mediodía e espertase da sesta coa chegada dos primeiros convidados... así que o mal humor lle durou unha hora e media máis, pero logo foise recuperando.

Soprou as candeas con espectáculo luminoso incluído

4+1

efectos luminosos

Foron todo un éxito os pauiños luminosos agasallo da moza do tío Hugo, entre os pequenos pero tamén entre os grandes.

Levantoulle o humor a piñata caseira feita con caixas de cereais, un anaco de papel gardado dalgún envoltorio e la e rechea de lambonadas, claro.

A imprescindible tarta de galleta e os "phoskitos" que fixemos como experimento foron un éxito.

tarta e phoskitos

E aínda que fracasamos na tarefa de conseguir que nonn se enchera a casa de agasallos, os nenos pasárono xenial e o certo é que aínda que demasiados, os agasallos foron moi acertados.

animais

Cando chegou o fin da festa quedaron as grilandas máis baleiras de globos (coido que son o único necesario para ter éxito nunha festa cos pequenos), pero tan alegres que seguen postas hoxe decorando o salón.

fin de festa

A a Z. quedou na casa pletórica despois de todo por ter a súa festa e repetindo ó día seguinte todo o que pasara no "seu cumpreanos".

Parabéns ás miñas pequenas por eses 4+1

4

1

domingo 13 de diciembre de 2009

Con febre

Así levamos xa máis dunha semana, e o certo é que, por sorte, non estamos afeitos, mirade se estamos pouco afeitos que ademáis dos métodos físicos tradicionais isto era o que tiñamos na casa.

antitérmicos

Levamos moitos días na casa, e malia febre e o malestar, houbo cousas que facer:

- Puxemos a decoración de Nadal, na árbore, facendo pompóns coa Z. que tivo que facer tamén un rosa (oh, deus, e eu que pensei que librabamos da época rosa... :) )

pompóns

A grilanda de estreliñas non a fixemos nós, pero encántame e é moi sinxela: flores de feltro brancas, un fío branco e contas de madeira.

E tamén nas fiestras, nas que a Z. as colocou este ano ela soa e toda fachendosa do grande que é.

na fiestra

- Fixemos moitas galletas das que quería a Z.

galletas

de chocolate, claro :)

de chocolate

- A Z. seguiu a gobernar o seu reino baixo a mesa

mesa

e á L. atopámoslle un bicho na camiseta :)

un bicho!

- O papá Moucho fixo xabrón mentres as mulleres da casa nos dabamos colos e mimiños.

xabrón

- E vimos o sol entrar na casa xa que ás pequenas non lles apetecía sair velo fora.

sol

(Cando teñamos unha casa no monte teremos unha fiestra grande grande grande para que o sol nos entre no salón no inverno, xa o sabiades, non?)


Contabamos estar esta fin de semana de festa, e pouco tivo que ver, pero todo chegará.

E aquí seguimos, agardando que marchen a febre e as toses profundas, con pouco tempo para sentarme a escribir as cousiñas que penso e moito tempo para pensar mentres se toma teta e colo, como agora mesmo. Así que xa vos contarei...

lunes 30 de noviembre de 2009

Neve

A fin de semana estivemos na montaña, nunha illa e rodeados de xente rara coma nós que case nos fai sentir normais. E se a paisaxe xa era bonita o sábado cando chegamos... o do domingo non ten palabras. Eu soño cunha parede de cristal coma esta no meu salón, non pola parede, claro, senón polas vistas... algún día igual vivimos no monte, ou igual non.

moucho na neve

Da xente e do lugar podemos falar outro día, pero hoxe quérovos falar da neve... porque onte era domingo, e había neve, e lembro que o ano pasado o domingo antes de comezar decembro tamén había neve preto... e mentres eu estaba quentiña na casa, con música e con Aivou pintándome a barriga...
Onte houbo neve en domingo, e hoxe, hoxe sentín todo o día ese vértigo que produce a sensación dun novo aniversario (sobre todo do primeiro) no que para o resto do mundo, incluída ela mesma, será o seu cumpreanos e para min ademáis será unha lembranza do meu parto. Pola noite deitámonos os tres na cama e pola mañá amencemos os catro na mesma cama. Deiteime coa barriga chea e erguinme coa vida máis chea.

E dentro de tres horiñas hai un ano que estaba nacendo a nosa pequena, a mesma que onte, domingo de neve, daba os seus primeiros catro pasiños,



que di ola, que se fai entender, que xoga coa irmá...

IMG_4294 copia

e de bebé-bebé queda cando está a durmir.

IMG_4168

IMG_4228

Mañá pola mañá, hai un ano, cando nos erguemos coa nosa bebé no colo, fóra todo estaba branco, a primeira nevarada do ano, e a primeira opción que xurdiu para o seu nome: neve.

A nosa L, a nosa nena da neve, cumple o seu primeiro aniño e a min éncheseme a cara cun sorriso enorme.

Parabéns pequena L.

jueves 26 de noviembre de 2009

Aprender na casa

Non sei se é evidente ou non, pero para os nenos en idade escolar, que están na casa, hai presión. Dende logo cada familia o vive á súa maneira, a algúns nos afectará máis e a outros menos, pero a presión do entorno existe, como en case todo o diferente. Se á maioría lle parece raro que non vaian á gardería con meses de idade "a socializar", imaxinade con anos. Moita xente nin sequera sabe que a escolarización "obrigatoria" non comeza ata os 6 anos, e os pequenos escoitan comentarios día tras día do grandes que son (para tantas cousas, incluindo non ir ó cole), e os pais tamén escoitamos eses comentarios. Ás veces unha avoa che di que fas ben, que aproveites todo o que poidas, e outras un pai no parque che di que na súa época o normal era comezar ós 6, e que el é enxeñeiro; pero non é o habitual, o máis normal é o silencio e mirada ó chan, ou os comentarios das mamás no parque dicindo que na clase de 6 anos tiveron que "retrasar" a toda a clase por CULPA dese neno novo que non sabe ler... e faise costa arriba.

Faite reafirmarte nos teus pensamentos: por exemplo que clase de educadores transmite eses coñecementos ós pais, non se supón que debería haber algo de confidencialidade? Supoño que unha que cre que realmente unha clase de nenos de 6 anos vai retrasada, porque todo isto é unha carreira, claro; pero tamén che fai dubidar: e se a miña se convirte en "culpable" algún día?

É complicado...

Pero entón pasan cousas na casa sen saber moi ben como e ves o doado que é aprender, que a Z. lle escribiu a man a carta a Papá Noel, que escribe o seu nome coas letras de imán na pizarra, e te relaxas porque realmente ese non era un problema e comezas a ver canto se aprende na casa, no día a día, aínda que non nos decatemos.

contar

cortar

clasificar

imaxinar

aprender

xogar

E agora é ela a que leva días dicindo que vai ir ó cole do seu amigo M., aínda que ten moi claro que aínda non... quen sabe onde nos levará isto, pero de momento collemos folgos para outra tempada :)